Friday 26 de April de 2024

Iniciadas as obras de mantemento das gradas do estadio da Alta


O Concello da Pobra do Caramiñal informa que se están acometendo actuacións de mantemento nas gradas do estadio municipal da Alta co obxectivo de ofrecerlles unhas mellores instalacións a deportistas e público segundo manifestaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). As tarefas focalízanse na reparación das deficiencias detectadas na estrutura das gradas e substitución da actual cubrición por pranchas metálicas, con fixación mecánica a estrutura de formigón, con necesarios remates perimetrais e recollida de pluviais.

Así, procederase o pavimentado do corredor posterior da grada e muro de peche nos módulos que na actualidade están abertos polo seu flanco sur, así como efectuar o enfoscado e pintado da totalidade do paramento sur da grada. Tamén se dotará dunha canalización de recollida das pluviais da cuberta e está previsto o acondicionamento da varanda metálica situada na parte frontal.

Estímase que o prazo de execución das obras sexa de dous meses e o orzamento ascende a 89.967’69 euros, IVE incluído.